![]() |
|
Estatutos do P.N.G. - P.G.TITULO PRELIMINAR Declaración de Principios. 1.- O Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista é unha forza política que defende como principio que GALIZA é unha NACION postulando como dereito inalienable do pobo galego a SOBERANIA NACIONAL e a súa AUTODETERMINACION. 2.- O Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista defínese como partido nacionalista de integración de ideoloxía social –liberal. 3.- O pensamento social – liberal representado politicamente polo P.N.G. – P.G. defende, que na concienza, social a liberdade de mercado é complementaria dunha irrenunciable existencia duns poderes públicos que garantan a solidariedade e o benestar da cidadanía, especialmente dos máis febles e desfavorecidos. 4.- O P.N.G. – P.G. afunde as súas raiceiras no galeguismo histórico asumindo as seguintes formulacións: 1.- O home é unha individualidade integral en liberdade, dotada de capacidade creadora de seu para realizarse como persoa no seo da sociedade, na que se integra solidariamente,contribuíndo a dinamizala e desenvolvela. 2.- A sociedade galega non é unha totalidade unitaria, senón unha realidade de tendencias plurais confluintes para un destino común, de liberdade, xustiza e progreso pola vía do autogoberno. 3.- O desenvolvemento económico coma canle de realización persoal e como obxectivo das iniciativas deberá xogar, tamén, un rol importante na mellora do progreso social . O P.N.G. – P.G., entende que os poderes públicos teñen a responsabilidade de corrixir os desequilibrios socioeconómicos resultantes. En tal sentido promoverá a creación de institucións económicas e financeiras precisas para conseguir o mellor aproveitamento dos recursos materiais e humanos galegos.
4.- O P.N.G.- P.G. entende que é urxente a construción dunha Galiza integrada, a través da vertebración política ,económica, e social do país. De cara a superar a secular dependencia entendemos necesario no momento actual, dende a legalidade vixente, a transformación do Estado Español nun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe así como tamén a necesidade de eliminar as lacras tradicionais de paro encuberto, desequilibrio territorial, desmantelamento industrial, atraso agrícola, eo da emigración.
5.- O P.N.G. – P.G. considera que a formación humana e a especialización técnica, representa o máis valioso potencial do Pais. Neste senso dedicará unha especial atención ao ensino en todos os seus níveis , así coma aos esforzos de investigación científica encarados ao desenvolvimento dos recursos autóctonos en todos os ámbitos. As Universidades Galegas deberán asumir un papel fundamental na formación integral e na formación especializada , acorde coa vocación natural das áreas onde asenta os seus centros docentes. 6.- O P.N.G. – P.G. asume a defensa do medio ambiente natural como elemento fundamental do benestar social e da calidade de vida da poboación galega. Neste senso promoverá a criación de institucións de investigación e conservación para establecer os límites dunha explotación racional que non atente contra o patrimonio natural. 7.- O P.N.G. – P.G. defende unha política de paz e diálogo como único instrumento válido nas relacións internacionais, sen prexuizo da lexitima defensa non violenta dos pobos oprimidos. Rexeita radicalmente o medre armamentistico e as guerras. 8.- De acordo coa súa filosofía, o P.N.G. – P.G. porá especial atención na defensa das liberdades individuias a da xustiza social , así coma nas súas relacións cos Poderes Públicos, estimulando a participación individual e colectiva nas decisións que lles afecten. 9.- O idioma e a cultura galega son, por excelencia, os signos identificativos da nosa nación. O P.N.G. – P.G. promoverá e restaurará, de maneira eficaz e consensuada, o prestixio que a ambos corresponde, co gallo de superar a atmosfera de secular auto-rexeitamento do noso mundo espiritual. Disposicións Xerais
Art. 1º.- O Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista é un partido democrático, progresista, que defende a liberdade individual dos galegos e galegas, tendo como norma básica de convivencia a actitude democrática e solidaria e como obxectivo a defensa dos intereses da Nación Galega. Sendo o seu ámbito de acción pólitica a nación galega artellándose organicamente en base ás agrupacións de Zona e Locais.
Art. 2º.- O Partido rexirase, na súa actuación, polo disposto nos presentes Estatutos e nos Regulamentos que os desenvolvan.
Art. 3º.- É obriga da militancia manter unha perfecta sintonía coa sociedade galega e recoller o latexo popular, con todas as tendencias arrequecedoras dos principios ideolóxicos e políticos do Partido, precisa os organos de debate interno para concretar tales tendencias en acción política, por vía dos diversos órganos executivos e resolución nos diferentes níveis de representación.
1.- O CONGRESO NACIONAL é o máximo organo de debate e decisión do Partido, sendo as súas conclusións o corpo doutrinal do Partido, tendo que ser asumidas, respectadas e defendidas pola militancia do Partido. O CONGRESO NACIONAL esta constituido por toda a militancia ou representantes democráticamente electos pola mesma. 2.- O CONSELLO POLITICO NACIONAL é o máximo órgano de debate e decisión política entre congresos e está constituído por representantes da militancia. 3.- A CONVENCIÓN NACIONAL é un órgano de debate e formación aberto á militancia e simpatizantes do Partido cuxas conclusións servirán de orientación e asesoramento á afiliación e a todos os organos de dirección do P.N.G. – P.G . 4.- O COMITÉ EXECUTIVO NACIONAL, baixo a presidencia do Secretario Xeral ten que transformar en acción política o mandato Congresual e as liñas políticas acordadas polo CONSELLO POLÍTICO NACIONAL.
5.- As AGRUPACIÓNS de ZONA, e LOCAIS conforman as estructuras organizativas de base do Partido.
TITULO I Da afiliación
CAPITULO PRIMEIRO A Afiliación Art. 4º.- Para ser afiliado do Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista son necesarios os seguintes requerimentos:
1.- Ser maior de idade. 2.- Non estar afiliado a ningún outro partido político ou corrente organizada equivalente ao mesmo. Exclúense da consideración de partidos as organizacións políticas específicas de plantexamento nacionalista aínda que estean formalmente rexistradas como partido das que poida ser parte integrante o Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista como tal. 3.- A solicitude de afiliación ó Partido implica: 1.- Cumprimento dos presentes Estatutos e Regulamentos que os desenvolvan. 2.- Aceptar, defender o seu ideario e as decisións dos órganos de dirección do mesmo. 3.- A defensa política, no ámbito público, dos integrantes do Partido. 4.- Contribuir económicamente a sostelo de acordo coas contías e criterios que estableza o CONSELLO POLÍTICO NACIONAL. 5.- Ser avalado por dous militantes do PNG – PG cun ano de antigüidade no partido. Art. 5º.- Toda a afiliación ao P.N.G. – P.G. ten iguais dereitos e obrigas.
1.- Son dereitos da afiliación ao P.N.G. –P.G.: a) .- Participar con voz e voto na actividade orgánica interna do Partido b) .- Ser elector e elixíble para asumir responsabilidades políticas e executivas nos órganos de dirección do Partido de conformidade co que dispoñan as normas Estatutarias e Regulamentarias. Para poder ser elixíble para un cargo a nivel nacional ou de zona será preciso ter no Partido a antigüidade de un ano e de seis meses para cargos de ámbito Local.
c) .- A representación do Partido nas responsabilidades e cargos para os que resultase eleito. d) .- A libre e democrática expresión a través dos órganos do Partido, así como utilizar os servizos da organización. e) .- Recibir a información da actividade do P.N.G.- P.G. 2.- Son obrigas da afiliación do P.N.G. – P.G.: a) .- Participar nas actividades do Partido, realizar os traballos que sexan encomendados e asistir ás xuntanzas orgánicas do Partido e actividades públicas do mesmo. b) .- Promover e manter o debate solidario defendendo públicamente os acordos resultado do mesmo. c) . - Defensa política, no ámbito público, de calquera militante do Partido e das decisións dos seus órganos de dirección. d) .- Apoiar a política do Partido así coma aceptar e cumprir as decisións dos organos de dirección. e) .- Manter o segredo e consabida discreción dos debates e contidos das xuntas dos órganos de dirección do Partido. f) .- Aboar puntualmente as cotas que fixe o órgano de dirección competente. Os cargos públicos deberán aboar unha cota especial, fixada por acordo do COMITÉ EXECUTIVO NACIONAL, dando conta ao CONSELLO POLÍTICO NACIONAL. g) .- O exercicio do dereito ao voto da afiliación é indelegáble. h) .- Non se permitirá a actuación faccional ou insolidaria da afiliación.
i) .- Non se permitirá a existencia de grupos ou fraccións dentro do Partido.
Art. 6º.- Pérdese a condición de afiliado ao Partido polas seguintes causas:
1.- Por decisión individual, comunicada por escrito perante un órgano de dirección competente. 2.- O incumprimento das obrigas definidas nos Estatuos ou Regulamentos que os desenvolvan. 3.- Icumprir os acordos dos órganos de dirección do Partido. 4.- Incumprimentos das responsabilidades políticas encomendadas.
5.- Facer declaracións no nome do Partido sen ter esa atribución.
6.- Facer declaracións públicas que descalifiquen política ou persoalmente a un integrante do Partido. 7.- Por falla de seis meses de pagamento das cotas sen causa xustificada previamente. TITULO II Da Organización Nacional
Art. 7º.- Son órganos de goberno do Partido de ámbeto Nacional:
1.- CONGRESO NACIONAL 2.- CONSELLO POLÍTICO NACIONAL. 3.- COMITÉ EXECUTIVO NACIONAL Art. 8º.- É órgano de debate, formación e orientación política do Partido a CONVENCIÓN NACIONAL.
CAPITULO PRIMEIRO Do CONGRESO NACIONAL
Art. 9º.- O CONGRESO NACIONAL é o máximo órgano de debate e decisión do Partido. Smon as súas funcións. 1.- Definir a política do Partido e establecer as súas liñas de actuación. 2.- Aprobar ou rexeitar a xestión dos seus órganos de goberno. 3.- Elixir o CONSELLO POLITICO NACIONAL, o SECRETARIO XERAL, Vice- SECRETARIO XERAL e demais integrantes do COMITE EXECUTIVO NACIONAL. 4.- Elixir o PRESIDENTE do PARTIDO que será quen presida o CONSELLO POLITICO NACIONAL. 5.- Elixir aos cinco integrantes da COMISION NACIONAL de GARANTIAS e REVISORA de CONTAS.
Art.10º.- O CONGRESO NACIONAL está formado por
1.- Un representante de cada Agrupación Local. 2.- Un número de delegados fixados e distribuidos zonalmente polo CONSELLO POLÍTICO NACIONAL de acordo con criterios de militancia. 3.- Son integrantes natos do CONGRESO NACIONAL os compoñentes do CONSELLO POLITICO NACIONAL e do COMITE EXECUTIVO NACIONAL así coma tamén os Parlamentarios nacionais,estatais ou europeos. Art. 11º.- O CONGRESO NACIONAL reunirase con carácter ordinario cada tres anos a convocatoria do CONSELLO POLITICO NACIONAL, con adianto mínimo de dous meses, que determinará a orde do día, data e lugar de celebración. O CONGRESO NACIONAL poderá ser convocado extraordinariamente por decisión política do CONSELLO POLITICO NACIONAL aprobada polas dúas terceiras partes do mesmo.
Art. 12º.- O CONGRESO NACIONAL elixirá, en listas cerradas e con criterios proporcionais, unha MESA integrada por un PRESIDENTE, un Vice-PRESIDENTE, un SECRETARIO 1º , un SECRETARIO 2º e un VOCAL. Unha vez elixida a mesa do CONGRESO cesan todos os órganos de dirección do Partido.
Art. 13º.- Rematado o CONGRESO NACIONAL no prazo máximo de dous meses renovaranse todos os Comités de ZONA e LOCALIDADE do Partido.
CAPITULO SEGUNDO Do CONSELLO POLÍTICO NACIONAL Art. 14º.- O CONSELLO POLÍTICO NACIONAL é o máximo órgano de debate e decisión entre congresos. Son as súas funcións:
1.- Elixir, na súa primeira xuntanza após do CONGRESO NACIONAL, de entre os seus integrantes ao Vice-Presidente, Secretario e Vicesecretario do propio Consello. 2.- Elixir entre os militantes do Partido as vacantes que se produzan no Comité Executivo Nacional e na Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas.. 3.- Aprobar, se procedese, os orzamentos anuais do Partido. 4.- Orientar e controlar políticamente a xestión política do Comité Executivo Nacional. 5.- Aprobar, a proposta do Comité Executivo Nacional, a constitución formal das Agrupacións de Zona. 6.- Decidir as sancións disciplinarias para os integrantes do Partido. 7.- Convocar o CONGRESO NACIONAL. 8.- Aprobar os regulamentos que desenvolvan os presentes Estatutos. Art. 15º.- O CONSELLO POLÍTICO NACIONAL estará integrado por:
1.- Presidente do Partido.
2.- Entre 12 e 15 conselleiros electos, en listas pechadas e con criterios proporcionais, polo CONGRESO NACIONAL. 3.- Comité Executivo Nacional. 4.- Un Representantante de cada Agrupación de Zona electo pola Asemblea de Zona respectiva. Art. 16º.- O CONSELLO POLITICO NACIONAL reunirase ordinariamente unha vez cada seis meses, podendo ser convocado polo Presidente do Partido, o Comité Executivo Nacional ou a instancia de 1/3 dos seus integrantes, con fixación previa da orde do día, lugar e data de celebración. CAPITULO TERCEIRO Do Comité Executivo Nacional Art. 17º.- O Comité Executivo Nacional órgano de responsabilidade colexiada, baixo a presidencia do Secretario Xeral, determina desenvolve e impulsa a política do Partido definida polo Congreso e Consello Político Nacional sendo as súas funcións:
1.- A representación política do Partido. 2.- Trasladar ó Consello Político Nacional a convocatoria da Convención Nacional. 3.- Elección, a proposta do Comité Executivo Nacional, dos integrantes da Convención Nacional do Partido. 4.- Decidir a Presidencia das xuntanzas da Convención Nacional. 5.- Facilitar o traballo político da Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas e convocar a aquela por primeira vez. 6.- Garantir a dotación económica acaida para o normal funcionamento dos organos de dirección e xestión do Partido. 7.- Manter Relacións con outras organizacións políticas e sociais. 8.- Manter ao día o Censo de militantes do Partido. 9.- Edición, Responsabilidade e Dirección dos medios de información do Partido. 10.- Realizar todas as actividades que fosen necesarias e acaídas paro o cumprimento das fins políticas do Partido que non estean estatutariamente ou regulamentariamente reservadas a outros órganos do Partido. 11.- Aplicar preventivamente as medidas disciplinarias ás que houber lugar por razón de urxencia, suspensión de actos do Partido, suspensión de acordos dos organos de Zona, Comarcal ou Local e suspender cautelarmente de militancia a calquera afiliado. Art. 18º.- O Comité Executivo Nacional é o órgano responsábel da iniciativa e coordinación executiva do Partido. As súas deliberacións serán reservadas, levantarase acta dos seus acordos e incorporaránse os votos particulares que se formulen coa vontade de ficar recollidos.
Art. 19º.- O Comité Executivo Nacional estará integrado por un mínimo de 5 e un máximo de 9 membros entre os cales estarán o Secretario Xeral que será o seu presidente e encargado da súa coordinación e dirección ademáis de ser o representante legal do Partido, e o Vice-Secretario Xeral.
Art. 20º.- O Comité Executivo Nacional manterá xuntanzas ordinarias coa frecuencia que o mesmo acorde, previa convocatoria do Secretario Xeral ou da metade máis un dos seus integrantes, téndose en calquera caso que indicar a orde do día, data e lugar de celebración da xuntanza. O Vice-Secretario Xeral será o secretario do Comité Executivo Nacional, podendo asistir, con voz pero sin voto, ás xuntanzas o Presidente do Consello Político Nacional, e Presidente de Honra se o houber.
Art. 21º.- O Comité Executivo Nacional establecerá as súas áreas de traballo, tendo que asumir, coma mínimo e de xeito obrigado, os eidos de Organización, Finanzas, e Formación entre os seus membros.
CAPITULO CUARTO Da Convención Nacional
Art. 22º.- A Convención Nacional é un órgano de debate aberto, formación, orientación política, e asesoramento do Partido, integrada polos cadros dirixentes do mesmo a por aquelas persoas que pola súa traxectoria política, profesional, etc. poidan ao entender do Comité Executivo Nacional enriquecer o labor e presencia socio - política do Partido.
Art. 23º.- A convocatoria da CONVENCION NACIONAL corresponde ao CONSELLO POLITICO NACIONAL previa iniciativa perante este do COMITE EXECUTIVO NACIONAL.
Art. 24º. – A CONVENCIÓN NACIONAL manterá cando menos unha xuntanza anual.
TITULO III Da Organización Territorial
Art. 25º.- O P.N.G. – P.G. estructurase orgánicamente en Agrupacións de Zona e Locais.
CAPITULO I Das Agrupacións de Zona e Locais Art. 26º.- Tomando como base a realidade organizativa e operativa do Partido o CONSELLO POLITICO NACIONAL definirá a constitución de Agrupacións de Zona que estarán integradas por diferentes localidades da Nación Galega.
Art. 27º. – Un mínimo de 10 afiliados conlevará a toma en consideración por parte do Consello Político Nacional da Constitución formal da Agrupación de Zona do Partido, previo informe motivado do Comité Executivo Nacional.
Art. 28º.- Son órganos da Agrupación de Zona: a Asemblea e Comité Executivo de Zona
Art. 29º.- A Asemblea de Zona ten as seguintes funcións:
1.- É órgano máximo de debate e decisión do Partido no seu ámbito.
2.- Elixir o Comité Executivo de Zona e o Secretario Xeral do mesmo ao abeiro do Regulamento de Organización do Partido.
3.- Coordinar e impulsar a acción política das Asembleas Locais.
4.- Propor ao Comité Executivo Nacional a constitución formal das Asembleas Locais sempre e cando haxa un mínimo de 5 afiliados na localidade.
5. – Elixir o representante da Agrupación de Zona no CONSELLO POLITICO NACIONAL.
6.- Aprobar ou rexeitar a xestión do Comité Executivo de Zona. Presentar voto de censura a proposto de 1/5 dos militantes, necesitándose a maioría absoluta dos mesmos para a súa toma de efecto.
7.- Cubrir as funcións propias das Agrupacións Locais en aqueles municipios onde non estiveran constituidas.
Art. 30º.- Nas diferentes localidades da Nación Galega poderase, ao abeiro dos presentes Estatutos, constituír Asembleas Locais, sempre e cando haxa un mínimo de 5 afiliados. Os órganos de dirección, e funcións das Agrupacións Locais son as mesmas que as das Agrupacións de Zona adaptadas o seu ámbito de actuación.
TITULO IV Do Rexime Disciplinario e Económico
Art.31º.- Terá consideración de falta de disciplina todo acto voluntario da afiliación, xa sexa individual ou colectivo, que supoña menoscabo da imaxe, e dignidade dos intereses do Partido ou de calquera dos seu integrantes; así como tamén que conculquen os Estatutos e Regulamentos, programas e demais normas vixentes do Partido, anque , mediante decisións declaracións ou actividades falten aos acordos ou decisións dos órganos do partido. A falta de disciplina será sancionada con medidas que poderán chegar a expulsión definitiva, previos trámites regulamentarios, sempre que así o decidan os órganos competentes.
Art. 32º.- O CONGRESO NACIONAL elixirá, en listase pechada e con criterios proporcionais, unha Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas integrada por cinco membros que serán; 1 Presidente, 1 Secretario e 3 Vocais. A Comision Nacional de Garantías e Revisora de Contas resolverá os expedientes instruidos ao abeiro dos presentes Estatutos e Regulamento de Conflictos. Sendo recurribles as decisións da Comisión perante o CONSELLO POLITICO NACIONAL.
Art. 33º.- Os integrantes da Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas serán imcompatíbles cos seguintes cargos:
1.- Parlamentario Galego, Deputado Provincial ou Concelleiro.
2.- Membro do Comité Executivo Nacional.
3.- Integrante do Staff do Partido.
Art. 34º.- A iniciativa propia, a Comisión Nacional de Garantía e Revisora de Contas poderá auditar as contas do Partido así como tamén elevar informes sobre a situación e funcionamento no eido económico do PNG – PG, estando obrigados os órganos de dirección a telos en conta e tomar resolucións sobre estes de xeito inmediato.
Art. 35º.- Os integrantes da Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas poderán ser elixidos como membros do CONSELLO POLITICO NACIONAL ou outros órganos a nivel de Zona ou Local pero no caso do tratamento ou debate en estes, de temas referidos a súa competencia, non poderán exercer dereito o voto.
DISPOSICIÓNS FINAIS
Primeira: As Lagoas estatutarías ou regulamentarias serán cubertas por acordos do CONSELLO POLÍTICO NACIONAL previo informe da Comisión Nacional de Garantías e Revisora de Contas do Partido.
Segunda: A disolución do Partido Nacionalista Galego – Partido Galeguista producirase por acordo do CONGRESO NACIONAL, en xuntanza extrordinaria convocada ao efecto, con voto favoráble dos 4/5 dos presentes.
Terceira: Os bens do Partido, no suposto de disolución, se os houber, serán doados a unha institución galega da carácter cultural ou social que o propio CONGRESO NACIONAL acorde.
Cuarta: Por decisión do CONSELLO POLÍTICO NACIONAL poderán constituírse grupos de traballo ou departamentos a nivel nacional sobre eidos específicos; Mocidade, Muller, etc. , cuxos responsables políticos serán os integrante do Comité Executivo Nacional que o propio Consello acorde.
Quinta: Os presentes Estatutos entrarán en vigor no mesmo momento da súa aprobación polo CONGRESO NACIONAL.
|
|
Copyright © 2000 PNG-PG. Tódolos dereitos reservados |