Documento político do PNG-PG

Galiza e a visión da politica do PNG-PG

A nación galega e os elementos que a configuran son froito do feito histórico, espontáneo e consciente ao mesmo tempo, e resultado da interacción ao longo dos séculos dos homes a terra e as visións do mundo que habitaron e co-existiron en Galiza durante a sua existencia. O PNG-PG quer contribuir á tarefa histórica de construción da nación galega, contribuindo por unha banda a conservar o noso legado nacional chegado a nós tras séculos de tradición; e por outra a contribuir, e esta é a tarefa que nos corresponde aos galegos de hoxe, a recrear de acordo cos tempos esta tradición adaptando-a ás necesidades de hoxe, e legando-a debidamente transformada ás xeracións do futuro.

A visión política que ten o PNG-PG, procura adecuarse aos princípios que rexiron tradicionalmente os nosos costumes. O PNG-PG, refuga a ideia de que unhas poucas persoas poden dirixir e planificar a complexa e rica vida dos galegos. A visión do PNG-PG quer instituir un marco político que permita ao povo galego desenvolver libremente todas as suas potencialidades.

Liberdade e democracia

É a nosa idea que a política debe servir para estabelecer os alicerces para que o espírito e intelixencia do povo galego poidan desenvolverse e expresar todas as suas potencialidades, en todos os ámbitos. Os poderes públicos galegos deben encamiñar o seu labor a facer o posíbel, remexendo os obstáculos e garantindo a liberdade de acción do noso povo, en convivencia pacifica entre os seus integrantes e as outras nacións do mundo. O PNG-PG confia na capacidade do povo galego de acadar os seus fins co seu próprio esforzo e creatividade nun marco de paz e liberdade.

A liberdade individual e colectiva sempre presentes na tradición histórica do nacionalismo galego, requiren na actualidade unha maior preocupación e atención para o PNG-PG. Dita medida é urxente, e hai que contrapoñela á defensa nominalista que o P.P. fai de forma interesada, resolvendo en forma de decretos, e rematando cun tráfico de influéncias partidistas, baseado nun uso escandaloso dos fondos públicos. É, poís necesario, maís que nunca, un firme traballo militante, para que, reafirmando-nos no conceito de democrácia e liberdade, conquiramos que o P.P. perda o predomínio que hoxe dispón na nosa sociedade con tan cheirentos procedimentos.

Orientacion estratexica

Entendemos que o BNG ten un déficit estrutural á hora de acadar apoios eleitorais entre sectores moderados da populación galega. É necesario que a acción do PNG-PG no rol que lle corresponde cumprir no BNG, tenda a cambiar a sua imaxe entre estes sectores.

No campo da esquerda, o BNG xa foi quen de acadar a primacia a nivel galego. Agora, incrementar o espazo eleitoral require incorporar novas mensaxes e posicionamentos, achegando-se cun maior compromiso a todas as representacións sociais e cidadás. O PNG-PG pode facer moito para mudar esta situación, e conquerir unha maior base eleitoral atraendo os sectores mais moderados da sociedade galega ós que teríamos que ilusionar no programa do BNG.

Duas serian ao noso ver as estratéxias complementarias necesárias a seguir:

  1. Tentar que o PNG-PG chegue a situar-se como un dos referentes principais para o espacio da moderación da política galega, no eido económico, facendo declaración explicita da defensa da pequena e mediana empresa ; nos aspectos sociais e morais, defendendo a necesidade da coexistencia do ensino público e privado e co radical apoio aos mais desfavorecidos; e nos aspectos maís políticos, facendo defensa rotunda da integración política europeia como marco das liberdades democráticas. Velai o papel do PNG-PG como canle de interlocución daqueles sectores que teñen algún grao de conciéncia nacional e polo tanto a utilidade para acadar a sua aproximación.
  2. A segunda estratexia seria a encamiñada a que programaticamente o BNG tenda á asimilación dos proxectos políticos imperantes tanto na esquerda como nos nacionalismos democráticos europeos, naqueles presupostos que contemplen a mellor defensa dos intereses nacionais galegos.

Un BNG que é alternativa de governo dunha nación europea debe facer seguimento do comportamento da esquerda europea naqueles aspectos que sexan asimilabeis, para ver de optimizar a mellor defensa dos intereses galegos nos eidos produtivos, tecnolóxicos, meio-ambientais, sociais, etc. O PNG-PG debe pois incidir nestes aspectos nos debates asembleares do BNG e nas oportunas instancias (redacción de programas, elaboración de documentos políticos, etc...) coa fin de tentar conseguir un BNG mais aberto á problemática real: nunha palabra un BNG mais aberto ao conxunto da sociedade galega.

O PNG-PG e o novo reto económico-social.

A resposta a nivel estatal e mesmo nacional do eleitorado, votando de xeito importante pola direita, chamada centrista que representa o P.P., decide a importancia de que o BNG faga unha posta a ponto da sua oferta ao eleItorado galego.

Dentro destas ofertas de governo, as materias económicas semellan estar incidindo con mais forza nun meio social "marcado" de xeito importante polo actual sistema de vida dentro do conxunto da Unión Europeia. De xeito moi esquemático poderiamos dicer que para o eleitor o que priva é o posto de traballo, sen reparar na calidade do mesmo, é o diñeiro fácil, que dé lugar ao disfruto duns bens por todos apetecidos (roupa, coche, divertimento�.) nunha forma de vida cun protagonismo importante, o da xuventude.

Nesta situación os meios de comunicación teñen unha forte presenza na oferta de bens, non ao alcance da maioria, pero representando e desvirtuando o fenómeno da teórica "globalización" mundial.

Diante deste panorama ¿que pode ofertar no ámbito económico, un partido nacionalista?

En primeiro lugar, temos que suliñar que o BNG, declárase partido de esquerdas, e como tal a defensa da produtividade está maís en función da distribución dos bens e do respeito ao meio ambiente que na utilización dos recursos de xeito desordeado e tan competitivo como pretende a sociedade de consumo, que proclama a direita, ao tempo, que asume que a criación de riqueza, e polo tanto de postos de traballo, está mais na liberdade de competencia de mercado e non na inxerencia do Estado en matérias económicas.

Tamén nese teórico contexto da liberdade de mercado, a defensa da pequena e mediana empresa é afogada polo peso dos grandes poderes nacionais e transnacionais, aínda que son aquelas as que xeran mais postos de traballo, e polo tanto unha mellor distribución da renda do país. A pequena e mediana empresa debe estar no compromiso firme do PNG-PG.

O importante incremento na base eleitoral do BNG nos últimos tempos ten garantido a presenza institucional europeia, o que obriga non só a fixar plantexamentos, sexa en defensa dos intereses de Galiza, sexa brindando alternativas nos dous ambientes de actuación.

Na contexto político-económico, o PNG-PG, como partido ten a obriga, na necesaria conexión e apertura á sociedade galega de ser o fio condutor, para sen perder a realidade da nosa terra, ofertar os mellores valores desta, e apresentar o BNG dentro das correntes cambiantes da demanda política actual, loitando pola calidade de vida, e como compoñente fornecedor dos nosos recursos, da sua correcta explotación e incorporación dos valores engadidos, prestando apoio aos que non o dispoñen por eivas de tipo diferente.

Aproveitamento das riquezas naturais (pesca, agricultura, gandeiria, minería, etc) ou da produción primaria de enerxía e de outros elementos, pode ser compatíbel co respeito ao meio natural, pero sempre sobre a base de coñecemento do mesmo e do emprego das tecnoloxias mais axeitadas.

A universidade na actualidade debe mellorar a preparación do alunado, prestando unha maior atención os planes de estudio e de formación do profesorado evitando centralizar o seu interés na praza e a situación do profesorado.

O aproveitamento dos recursos naturais de Galiza require formar a mocidade partindo dun profesorado ilusionado no seu traballo que pola sua preparación e coñecementos, e non por ter gañado unha oposición, sexa quen de mirar cara ao porvir da demanda e non ao pasado da formación.

O partido precisa cada día mais da discusión programática dos distintos temas requerindo a opinión de expertos e técnicos, e non somentes somete-la a critérios políticos.

A incorporación do valor engadido e sua tributación do transformado dos nosos productos industriais e agrarios require a demanda das grandes empresas transformadoras no pais pero radicadas fora del de a cotización en noso sistema fiscal.

Evitar o desmantelamento da indústria transformadora a mans das multinacionais, por falla de compromisos de capitais próprios, e con radical oposición á politica cómplice da situación, debe constituir un exercício de compromiso político do nacionalismo galego.

Neste sector forestal, hai que eliminar os atrancos na producción das fases mais rendibeis destes procesos, por mor da contaminación, percurando o equilíbrio e fuxindo de critérios ambientais pouco asentados .

Para potenciar os mellores recursos do País é necesario un forte compromiso e a planificación cualitativa e pormenorizada da desorde do meio natural, e a posta en práctica dunha política decidida contra as construcións anárquicas e fora de contexto, coas plantacións forestais en terras agrárias, a concentración destas terras agrárias que logo tenden á reserva de solo con destino urbano e industrial, nun meio que sofre deste xeito un grande impacto ambiental, estragando os recursos naturais de mais futuro.

Pular por unha maior presenza da iniciativa empresarial autóctona faria que moitos produtos que se están a importar, podesen facilmente producir-se no País. É notório que empresas de pratos pre-cociñados traballando na Galiza, merquen os seus produtos fora do País, en grandes cantidades, cando ditos productos se poderian producir no próprio País.

É necesario, con maís intensidade que nunca un forte compromiso político no eido da investigación, pois a situación actual resulta tan pobre, que é unha mostra da conciéncia de futuro que temos. Neste senso non é posíbel manter a política de selección dos proxectos de investigación primando as temáticas non relacionadas co sector produtor, desmerecendo ditas iniciativas en benefício doutras.

Suliñar que a aportación de menos do 1 por mil da renda bruta do País, situa-nos no terceiro mundo nesta matéria . Entanto, o gasto en festas de todo tipo ano tras ano medra exponencialmente mestras que o capitulo adicado á investigación manten uns recursos cada vez mais cativos. Alén diso, cando algún resultado se considera salientábel a sua publicación ten que facer-se en inglés, para dar-lle méritos ao investigador, coa suposta finalidade de que se aproveite en primeiro lugar o leitor doutros países denantes que o do noso sector industrial ou produtor.

Un capítulo no que o PNG-PG, debe incidir dentro da análise socio-económica e o que supón a criación de postos de traballo, e a consideración de non gravar no seu início a actividade creadora con impostos e atrancos administrativos absurdos. Non resulta o mesmo ver a incidencia que ten para a pequena e mediana empresa dita circunstancia, tendo en conta a capacidade de manobra e trato que recebe a grande empresa.

PNG-PG, tenta deseñar un novo discurso para que a demanda nacionalista non quede ubicada no eido cultural, pois non podemos permitir que a decisión política e económica veña de contidos afastados da nosa realidade, como está a ocorrer cunha administración galega ás maís da veces complice da situación.

A nosa razón de ser, mais forte, ten que afincarse na posibilidade de competir neste mundo globalizado, planificando a mellor defensa das nosas peculiaridades económicas, sociais e culturais de xeito conxunto creando as novas infraestructuras tecnoloxicas e de comunicacións con unha visión de futuro.

Copyright © 2000 PNG-PG. Tódolos dereitos reservados